Tuesday 17 de September de 2024

O Concello avanza o programa da Festa do Pan de  Neda, coa presenza das panaderías, xantar popular,  concurso de empanadas e moita música 


Celebrarase o domingo 1 de setembro no paseo marítimo 

O Concello avanzaba esta mañá a programación da  XXXIV Festa do Pan de Neda, que se celebrará no paseo marítimo o 1 de  setembro, primeiro domingo de mes, como marca a tradición. Acudirán cos seus  postos de venda as panaderías La Gallega, Modesto Hermida, Paca Castro  Romero, Panificadora Germán e Santa Rita, e colaborarán coa cita J. Castro  Hermanos e Vda. De A. Romero. A apertura está prevista para as 10:00 horas, e a  partir de entón poderemos mercar pan, empanadas e doces, ata fin de existencias.  A esa mesma hora, abrirán tamén os postos dos artesáns e artesás, coa previsión  de igualar o medio centenar de stands da pasada edición. Ademais, o grupo de  música tradicional Berros do Castro animará a mañá co seu repertorio a modo de  pasarrúas pola contorna. 

Sobre as 12:00 horas, o Concello de Neda reeditará o concurso de empanadas, e  xa ás 13:00 horas, o público terá oportunidade de seguir o pregón, a cargo da  nedense Ana Ares Pernas, Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade  Social da Universidade da Coruña. Ao seu remate, realizarase a entrega de  premios ás persoas gañadoras do concurso de empanadas, e sobre as 13:30  horas, comezará a sesión vermú coa actuación de Los Zares. 

XANTAR POPULAR 

Ás 14:00 horas, celebrarase o tradicional xantar popular, cun menú composto por  pan, empanada, lagostinos, xamón asado, bebida, doce e café e un prezo por  comensal de 22 euros. Os tickets poderán adquirirse nun punto habilitado no  paseo durante a mañá. O programa terá continuidade coa actuación musical de A  Charanga da Carmiña, xa sobre as 15:30 horas. 

Á tarde, os máis pequenos e pequenas da casa poderán participar nun obradoiro  de elaboración de pan, sobre as 17:00 horas, con inscrición in situ. 

E pechando a cita, Festa de Interese Turístico de Galicia, concertos de luxo con  Encrucillada e O Sonoro Maxín.